Partindo dun coñecemento rigoroso da tradición e das músicas de transmisión oral, entre Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro dáse un encontro único onde a maxia, a naturalidade, a espontaneidade e a comuñón musical xorden desde o primeiro minuto e fan que revolucionen o panorama musical galego.
O mundo da pandeireta e o baile está a vivir en Galicia a un momento irrepetible, cada vez máis xente se está achegando a este tipo de sentir e facer. O que fan Tanxugueiras é achegalo dun xeito doado, natural, cun empaste nas voces pouco común, cuns arranxos elegantes e coidados, cun son grande e cristalino, cun agarimo inusual, cunha tímbrica instrumental que conecta oriente e occidente, con intelixencia e humor. E, sobor de todo, con moito amor.
Con máis de 50 concertos no 2018 e unha importante xira tanto polo país como polo estranxeiro, visitando Glasgow, a India, Cuba e Suíza, Tanxugueiras convértese nun referente e no grupo revelación da música tradicional galega.