Música infantil en Galicia: Dende as bolas máxicas ó Reggaeton

Repasamos os clásicos modernos que forxaron a nosa infancia. A evolución da música infantil e o que nos agarda para os próximos anos. 

 

Galicia ten tradición musical de sempre en varios ámbitos, pero un dos mais destacables é o da música para cativos, que sempre tivo grande presencia nos arrolos, que chegan dende a tradición oral dos noso avós, así como unha inmensa cantidade de fábulas e contos de todo tipo para toda a familia.

 

Pero á marxe desta tradición, hoxe imos revisar as últimas tendencias en música infantil, así como a evolución da música que nos chegou a través dos debuxos animados da “galega” e o que nos espera hoxe en día e no futuro mais próximo.

 

As bolas máxicas, Dr Slump e as Tartarugas mutantes foron os primeiros grandes éxitos en forma de animación que chegaron ás nosas pequenas pantallas en galego, sendo “As bolas máxicas” a que maior aceptación acadou chegando a ser todo un fenómeno de masas. Eran os primeiros pasos da canle (1990) e a versión en galego de Dragonball chegaría cantada por Gonzalo Faílde (actor de dobraxe que interpretou a Freezer entre outros na serie) que pese a non seres cantante fixo un traballo apaixonado e mais que digno que pronto se converteu nun clásico nos patios das escolas de toda Galicia.

 

 

 

Ós nenos galegos gustáballes a marcha xa daquelas, e a cabeceira das “Tartarugas mutantes” deixounos unha versión en galego que superaba ó orixinal; un tema rockeiro e pegadizo que Manuel DeAndrade fixo seu para a adaptación televisiva da coñecida banda deseñada. Non ten desperdicio.

 

 

Xabarín Club. Corría o ano 1994 e nacía un programa que ía marcar unha época, non só para os mais novos. Apostaba por contidos musicais autóctonos asociados os debuxos que ofrecía en pantalla, unha mascota forte e moi representativa das nosas terras e a presencia de míticos grupos galegos con música que non difería moito da que facían para os adultos. Un pouco de caña para os nenos. Antón Reixa, Victor Coyote, Aerolíneas Federales, Rui Veloso, Manquiña… Apostaron polo Xabarín Club con novas composicións cheas de carácter para os rapaces galegos.

 

No ano 1995 descubriamos un grupo que se ía converter nun referente da música en Galicia e da nova onda musical que levaría o nome de “Rock bravú”. Heredeiros da Crus voounos a mente co seu tema “Que jallo é”. Ninguén entendía moi ben o que estaban a dicir pero… Molaban!!

 

 

Dende ese intre moitos grupos se presentaron a través do programa: Ruxe Ruxe, Los recienes, Os diplomáticos de Monte Alto, La Matumbá, Yellow Pixoliñas… E toda esta onda chega a grupos actuais como Coke, Woyza, Iván Ferreiro, Miguel Costas, Emilio Rúa… Formar parte do elenco de artistas que aporta cancións ó Xabarín Clube segue sendo un honor e unha grande oportunidade de se dar a coñecer.

 

Actualmente o Xabarín ten a súa propia app para que os mais novos desfruten da programación infantil en dispositivo Android, así coma os videoclips e moitas actividades que manteñen ó día a espacio da TVG.

 

Grupos infantís actuais e o fenómeno dos audiolibros: Ó marxe da caña do xabarín club hai moitos grupos que centran nos mais pequenos na actualidade; xente coma Paco Nogueiras, Sons Miúdos, Oviravai, A Gramola Gominola, Pesdelán, Mamá Cabra, Pablo Díaz, Magín Blanco Tratan de achegar con éxito unha boa morea de xéneros musicais ós cativos de toda Galicia. Algúns deles teñen centos de seguidores fieis que cantan as letras de memoria nos seus concertos.

 

 

Rock, Baladas, Reggae, Pop, Hip hop… Todos os estilos teñen representación infantil, e incluso algúns dos grupos formados por e para os nenos transcenderon ó espectro musical para se achegar a públicos de todas as idades, coma no caso dos recientes Furious Monkey House que, aínda que non empregan o galego, levan a nosa imaxe de modernidade musical polo mundo adiante abraiando coa súa posta en escena con compoñentes de tan só 12 anos.

 

 

Debemos agradecer a todo este elenco de artistas, debuxos, clubs infantís, tradición oral, grupos de cativos e contacontos… a labor que realizan para a normalización da lingua e ó impulso da formación musical das novas xeracións. Non se pode negar que a canteira musical en Galicia está chea de talentos sorprendentes en todos os xéneros e idades, e todo iso e, en parte, grazas a todas estas influencias que nos acompañan desde ben pequenos.

 

O Reggaeton e o que nos agarda. Son moitos os estudos que demostran que actualmente, a música que mais atrae ós nosos cativos é o Reggaeton. Hai quen pode dicir que é consecuencia de ser o xénero mais popular en España nos nosos días (o xénero mais reproducido en listas como Spotify) e que o seu carácter divertido, fedello e accesible fan del unha tentación difícil de evitar para os mais pequenos.

 

Hai quen pensa que é unha nefasta influencia polo tipo de contidos asociados a este estilo (o twerking, o alto contido sexual nalgúns casos ou a linguaxe explícita usada por algúns artistas do xénero) e hai a quen lle parece perfecto polo seu dinamismo.

 

Non hai que deixarse levar polos extremos e, cabe lembrar, que hai moi pouco tempo estabamos escandalizados por Heredeiros da Crus, Os resentidos, Siniestro Total… E tampouco saímos tan mal. (Pensade agora na lambada coma un baile prohibido nos 90 e comparádeo co twerking).

 

Coma mostra e xa para despedir o artigo voume permitir o luxo de saírme do guión para ilustrar con este vídeo á canción mais escoitado polos cativos da nosa comunidade. Un reggaeton de “Gente de Zona” e Marc Anthony chamado traidora. Un tema que nos invita ó optimismo e recoñecer que o reggaeton non é tan malo segundo o seu contido e que, aínda que os tempos cambien, a música sempre segue viva teña a forma que teña.

 



Para suscribirte a nuestra lista de correo debes aceptar la política de privacidad de regalamusica.es

Puedes eliminar tu suscripción en cualquier momento a través del link que incluimos en el pie de nuestros emails.