O repertorio do grupo componse de popurrís ou sets de temas instrumentais orixinais tomados da tradición galega, con especial atención aos gaiteiros e músicos do interior. A principal fonte é o traballo de campo do Arquivo Castro Vicente (Cástor e Félix Castro), e os seus fondos documentais e sonoros, centrados sobre todo na frauta de madeira e acordeón diatónico, así como en estilos de toque de gaita de comarcas pouco coñecidas como A Limia, Frieiras, e Navia entre outras. Xunto coa liña melódica guiada principalmente por instrumentos da tradición galega como a gaita, a frauta de madeira, ou o acordeón diatónico, e outros máis atípicos como a anglo concertina, a parte harmónica a completan o bouzouqui e o contrabaixo, conformando un son acústico, auténticamente vintage como os clásicos do folk celta, e ao tempo concordante cos traballos que se fan hoxendía no folk atlántico europeo. Potentes sets de muiñeiras, xotas, alboradas, pasacorredoiras e piruxaldas, sucédense con outros temas máis pausados como alalás, cantos de reis, valses ou mazurcas, desenvolvendo un amplo abano de sonoridades e ambientes.