O domingo 15 de agosto ás 21:00 horas, a Praza da Ferraría acollerá a actuación da gaiteira Susana Seivane.
Susana Seivane pertence a unha das familias con máis prestixio e sona dentro do mundo dos gaiteiros e artesáns de gaitas en Galicia. Comezou a súa andaina musical ao cumprir tres anos de idade.
Da man do seu pai Álvaro Seivane, e influenciada por mestres gaiteiros como o seu avó, Xosé Manuel Seivane, Ricardo Portela e Moxenas, conseguiu o respecto e admiración do mundo da gaita e da música tradicional en Galicia.
Ese estilo xenuíno está hoxe presente na forma de tocar de Susana, unha muller que sintetiza o estilo ‘enxebre’ de vellos gaiteiros. Combina este valioso legado con influencia doutras músicas; para iso rodéase dun elenco de mozos músicos que achegan gran frescura e orixinalidade ao seu espectáculo.
Non haberá reserva de entradas, polo que o acceso será de balde e por estrito orde de chegada ao recinto, ata completar aforo.