Con máis de douscentos concertos por toda a xeografía galega, entre os cales destaca a súa participación no Outono Códax Festival, no Fisterra Blues Experience e no Feito a Man; Sabela King & The Heartbreakers gravan o seu primeiro disco homónimo. Apostan por misturar composicións propias e versións moi personais de cancións de Sam Cooke, Johnny Cash e Emily Loizeau.
O disco está gravado en directo. Sabela King canta e toca o ukelele, Benjamín Vázquez toca as guitarras e Ramón Figueira “Figui” toca as harmónicas. A gravación corre a cargo de Dani Blanco. Os dez temas elixidos inclúen arranxos de percusións, segundas guitarras, voces e baixos; o que configura o novo son da banda. Un son que require dun formato mais numeroso para poder levar este tipo de atmósferas ós directos. Incorpóranse entón ao equipo, Diego Novoa ó baixo, Pablo Vázquez á guitarra e Lucas Martínez ás percusións.