VERTO son dous rapaces máis ou menos de Santiago que fan, antes ca nada, música Pop, da moderna, da de agora. Teñen influencias do trap e do R & B máis actual, pero miran con ansia cara a música dos 80.
Veñen de estrear “Embora”, un LP de 14 cancións nas cales fan gala da súa capacidade para crear himnos do pop electrónico para toda unha xeración de rapaces. Unha xeración que se acumula nunha media de 53.000 oíntes mensuais en Spotify e que esgota entradas en cuestión de horas.
Segundo eles mesmos din, non lles gusta tomarse tan en serio. Só queren facer música que lle faga bailar ós colegas. Só queren facer temazos con moito autotune e coa maxia que ten gravala na habitación de Fer, e con iso, ser capaces de chegar a todo o panorama estatal. Digamos que o seu é “Puro Ocio”.