Leilía emprende esta nova aventura cos pés postos no seu novo traballo discográfico e á vez botando a mirada atrás, ás súas orixes e ao percorrido que levan feito xuntas, dende hai xa 30 anos. O espectáculo CantarELAS florece aunando temas emblemáticos, que acompañaron e emocionaron á banda e ao público nos directos, con temas pouco coñecidos e revestidos co toque actual de Leilía. Con eles queren celebrar o seu aniversario, pechar o círculo conectando a orixe coa actualidade, pasando polas diferentes sonoridades do grupo. CantarElas é unha viaxe a través das melodías, da evolución sonora, dos cambios escenográficos… e un convite a percorrer con Leilía a súa historia, nun espectáculo co que queren agasallar ao público que as acompañou estas tres décadas.