Poucos grupos teñen menos que ver entre si, no apartado musical, que Ortiga e Grande Amore. E poucos grupos comparten entre si unha visión tan estreita das cousas que lle gustan da música como Ortiga e Grande Amore. É algo difícil de explicar pero, cando pasa, nótase perfectamente. E en ‘Los Rastreadores’ nótase, porque ‘Los Rastreadores’ son froito da unión dun tipo das Fontiñas que flipaba con MC Pikachu e Estopa, e outro de Frexulfe que está sempre con Suicide e Extremoduro metidos na cabeza: é todo o pop e todo o punk que podería ser.
Nos seus seis cortes, ‘Los Rastreadores’ teñen elementos de techno, de rumba, de ritmos latinos, de rap… porque para iso están feitos, para que recollan todos os elementos que a eles sempre lles encanta atopar na música que lles transmite algo. O normal sería que a música que un fai fose sempre así, pero non. De feito, case nunca o é. Por iso a eles lles apaixona tanto este EP, porque ningún deles podería facelo por separado, e porque o máis normal sería que un proxecto como este nunca chegase a existir, como a maioría das cousas que lles gustan tanto.