“Tocar con Marcos mergúllame no mundo rítmico e sofisticado do flamenco, en músicas con moito arranxo nas que tes que estar moi atento. Isto obrígame a inventar unha versión flamenca do vibráfono da cal non existen referencias”. Así fala o vibrafonista Ton Risco do seu compañeiro de dúo, o guitarrista flamenco Marcos Teira. Estes dous músicos acaban de gravar o seu primeiro disco xuntos despois de anos entrecruzándose e coqueteando a ámbolos dous lados dos escenarios e as partituras.
Unha parella de instrumentos infrecuente ao redor dun estilo absoluto, o flamenco, que ambos fan pasear por un repertorio aberto, que parte de arranxos de composicións persoais e abre os seus puntos cardinais para acariñar a canción hispanoamericana, da zamba ao choro. Un e o outro instrumentos acústicos exploran toda a dinámica percusiva dos seus caracteres propios.