Presentan en 2023 o esperado novo disco, que promete unha evolución, un cambio significativo no son da banda e moitas sorpresas. O que vén ata entón: un cómic, novos vídeos…
Tras 26 anos, pechan un 2022 cheo de concertos e festivais con tanta sona coma o Resurrection Fest, o Surfing the Lérez ou o Festival de la Luz… e iso é porque, como todos saben xa, a banda de Aríns está facendo o mellor directo da súa dilatada historia.
A banda é sen dúbida un referente do rock galego, movéndose á marxe dos grandes poderes da cultura, das modas e do politicamente correcto. «Co espírito de loita por bandeira, do rock do país, do rock libre e de combate, do realismo máxico e do corpo a corpo sincero, directo e emocional», a esencia do ADN dos Ruxe Ruxe queda patente en cada disco editado e en cada concerto que deron dende os seus inicios no ano 96. “Ser de aquí e dun tempo” que diría Celso Emilio Ferreiro, “rapaces da aldea máis non uns ninguéns” que diría Xosé Neira Vilas.
O grupo naceu en Aríns en 1996 con catro amigos do instituto, tres dos cales (Xan Pericán, Xaco Barona e Vituco Neira) conforman agora o núcleo veterano da banda. En 1999 sacaron o seu primeiro disco, de título homónimo. Ademais de 13 LP’s, teñen varios EP’s, unha banda sonora, unha curtametraxe, un documentario sobre o grupo e incontábeis colaboracións.
O seu 25 aniversario celebrouse cunha exposición que recolleu o universo gráfico do grupo, protagonizada por algúns dos deseñadores máis influentes da nosa historia recente. Ao mesmo tempo 32 bandas galegas rendéronlles homenaxe coa gravación do disco tributo “25 anos ruxindo”.