Tacón Gitano é flamenco, pero non un flamenco calquera, é a voz dun pobo, o pobo xitano. Un pobo que soubo conservar ata os nosos días unha forma de vida e unha cultura propias. Un pobo que expresa como ninguén os seus sentimentos feitos música. As súas penas e as súas alegrías xa son patrimonio da humanidade e asolagan case calquera recuncho do planeta de beleza e arte. Galicia non ía ser menos, e ten neste espectáculo embaixadores do mellor flamenco xitano: os Fernández e os Salazar. Desde os paus máis tradicionais ata os máis modernos danse cita nunha hora de espectáculo fresco, natural, sen máis pretensión que a de ser un mesmo. Sen outro propósito que o de compartir o propio co espectador. Unha viaxe única, un deleite para os sentidos.
Tacón Gitano son Moisés Fernández, Rubén Fernández e Isaías Salazar.