O vindeiro 15 de xuño o Teatro Afundación acollerá un concerto da orquestra folk SonDeSeu que servirá como homenaxe e reinterpretación da obra de Rodrigo Romaní, quen durante 21 anos foi director desta formación. Segundo os representantes da Fundación SonDeSeu, organizadora do evento, o músico noiés é “una figura esencial na evolución da música galega dos últimos 45 anos”, tempo no que Romaní elaborou composicións e arranxos para bandas tan salientables como Milladoiro ou a mesma SonDeSeu Orquestra Folk de Galicia, así como para os seus proxectos en solitario. O concerto levaráse a cabo en formato “semiacústico”, e nel participarán os máis de 50 músicos que integran as nove seccións de SonDeSeu: requintas, violíns, zanfonas, gaitas, arpas, contrabaixos, canto, percusións e buzuquis. No tocante ao repertorio, e en consonancia co nome do evento, será enteiramente da autoría do homenaxeado e nel constarán principalmente temas pensados para a orquestra folk viguesa, aínda que tamén haberá lugar para pezas que se deron a coñecer nas publicacións discográficas de Milladoiro e que hoxendía forman parte do noso imaxinario colectivo.