Tras 21 anos xuntos e centos de concertos por medio mundo, o trío de jazz galego máis internacional presenta o seu sétimo disco ‘Sumrrá 7 visións’, un novo traballo discográfico que supón a consolidación dunha forma de entender a música ao vivo única. Unha madurez e unha frescura case inconcibible hoxe en día, que fan do trío de Jazz galego un grupo de culto que foi sumando adeptos ao longo de todos estes anos, a través dos seus disco, dos seus concertos e das súas xiras por todo o mundo.
Neste último álbum, SUMRRÁ fai o exercicio tan inspirador de coller perspectiva, e repensar, a través da música a súa propia existencia. Os tres músicos afincados en Compostela miran con novos ollos ao ‘Sapiens Sapiens’, ao ‘Espazo interior’ ou a ‘Ra’. Reflexionan sobre a súa posición na ‘Periferia Universal’, ou a eterna danza das ‘Forzas Gravitatorias’. Contan a través da súa música que foi o que aconteceu ‘13.700 millóns de anos despois’ ou por que son 7 os graos que separan ‘Asuán de Alexandría’. Un resultado tan sorprendente como revelador. ‘7 visións’ lúcidas, irresistibles, xeniais… O mellor álbum de SUMRRÁ xa está aquí.