O Pazo da Cultura do Concello de Narón acollerá o venres 23 de abril de 2021 a presentación do novo disco de Xoel López: “Si mi rayo te alcanzara”. As entradas sairán a venda o venres 5 de marzo, pódelas conseguir aquí ou na billeteira do Padroado da Cultura do Concello de Narón.
Corren tempos de liberdade estilística para Xoel López. É un dereito gañado con suor polo artista, curtido ao longo dunha carreira que chega ao décimo quinto álbum, cuarto en solitario. “Si mi rayo te alcanzara” marca o comezo dunha nova etapa, a consecuencia dun proceso de cambio que ten máis de evolución que de ruptura, pero que pon ao seu público ante un Xoel ávido de novas experiencias e liberado de ataduras creativas e interpretativas.
Afirma Manuel Jabois que este disco provén “dun home sentado nun burro, cargando un violín mentres atravesa aldeas dos montes galegos e asturianos na posguerra. Chámase Florencio López, Florencio dos Vilares, e está cego, por iso tamén lle chaman O Cego dos Vilares. É un dos máis consagrados representantes dos cantares de cego. Xoel López dedícase ao mesmo que o seu tío avó Florencio pero con menos dioptrías. Non presenta un disco, senón unha carreira. Nun tempo de famas efémeras, de exitazos que dan a volta ao mundo e cando aínda non acabaron de dala a xente xa se esqueceu do seu creador, Xoel permanece. Hai unha lóxica formidable na súa traxectoria e unha música interior nas súas cancións que remiten a algo para o que se necesita tempo e carácter: un son propio”.