LOGO_REGALAMUSICA_GALICIA_NEGRO

Os premios Martín Códax entran na sua fase final. Coñece aquí a todos os finalistas

20 premios de todas as cores para premiar ós mellores artistas do ano en Galicia. Xa só queda a decisión do xurado para elixires ós gañadores da cuarta edición dos Premios Martín Códax.

Xa van 4 anos dende que a Asociación de Músicos ao Vivo lanzase a sua proposta para impulsar o panorama musical en Galicia a través destes premios, que buscan recoñecer, tanto o traballo persoal de creación musical dos artistas, coma ós espazos de difusión e apoio.
16 categorías musicais, 3 premios Organistrum ( mellor sala, mellor festival e mellor espazo de comunicación) e un premio honorífico a toda unha carreira. Un total de 58 proxectos musicais nomeados que aspiran a un dos galardóns mais interesantes da industria. Imos botar unha ollada ó que desfilará este ano pola gala final, que se celebra este mércores 3 de maio.

Pop/Indie: Os tres finalistas deste ano na categoría serán Os amigos dos músicos, Xoel López e Berlai. Todo semella indicar que Xoel López é o favorito este ano, aínda que o traballo de Os Amigos dos Músicos tamén está cheo de calidade. Berlai será a sorpresa nesta categoría, xa que non é exactamente pop, pero si que é bastante Indie (ademais de seres un dos mais orixinais desta edición).

Rock: Sen grandes sorpresas este ano, con Agoraphobia, The Soul Jacket e Brais Morán. Agoraphobia está nun doce momento na súa carreira asaltando ó espazo internacional, The Soul Jacket xirando i enchendo salas co seu último traballo e Brais Morán, que pretendía estes anos saírse da súa imaxe de cantautor (está claro que o conseguiu sendo nomeado para a categoría de rock).

Jazz/Músicas improvisadas: Unha das categorías de mais prestixio no entorno musical. Este ano os finalistas serán Miguel Lamas Quartet, Alberto Vilas “Ubuntu” e Iago Fernández “Brisa”.

Hip-Hop/Músicas Urbanas: A categoría emerxente mais solicitada, xa que está a vivir un momento álxido como nunca antes. Representan este ano Malandrómeda, cunha volta os escenarios con doble disco tras unha grande ausencia. Wöyza, co seu traballo que navega entre o Gospel e o R&B, e García MC que se mostra cun Hip Hop mais “clásico” nas súas propostas.

Aquí temos 3 categorías que redundan un pouco no seu contido: Categoría Folque, Categoría Música Tradicional Galega e Categoría Músicas do mundo. Vou dicir os nomeados das 3 para ver se sodes capaces de os distinguir: Vaamonde, Lamas e Romero, Cuarteto Caramuxo, Os d’Abaixo, Xose Lois Romero & Aliboria, Davide Salvado, Tanxugueiras, Uxía, Talabarte e Tangata. Sorte ós 9 nomeados; grandes artistas todos cunha grande labor de experimentación, rescate e creación musical.

Música Infantil: Xa falamos da evolución da música infantil hai ben pouco na nosa reportaxe, toda unha revolución nos últimos anos. Este ano os elixidos son: María Fumaça, A Gramola Gominola e Pesdelán. Polo que podemos ver pola variedade destes artistas pronto haberá que dividir en subcategorías ou directamente crear uns premios Martín Códax só para cativos.

Electrónica: Unha categoría que vai a mais cos anos, pero que aínda non ten toda a forza que merece en Galicia. Os representantes deste ano son 2Pas0s (que repite nomeamento), Pálida, o proxecto electro de Jose Garnelo, e a maquinaria compositiva de Malvares de Moscoso e J.CNNR. Sorte ós tres.

Metal: A caña tamén ten o seu espazo, Talësien, Raiba e Aphonnic terán as suas opción de levar o galardón para a casa. Todos con traballos recentes no mercado e con gran aceptación de público.

Reggae/ Ska/ Mestizaxe: Unha categoría que abarca moito e que este ano presentan a Dakidarría (que están a piques de sacar novo traballo), O Sonoro Maxín (que tamén presenta traballo aínda o 17 de abril) e Bush Doctors co seu estilo Xamaicano.

Blues/ Funk/ Soul: Carmen Rey (que tamén optará con Sisters in the House na categoría de Coros e Grupos Vocais), Tha Lakazans, que dende que fan temas propios non paran de colectar boas novas, e VooDoo, un dúo coruñés que está a chamar moito a atención.

Canción de Autor: unha categoría que en si mesma abarca un grande abano musical. Os finalistas sonche: Tatán “Chapeu” con proxecto que abarca unha boa morea de músicos coñecidos inspirándose no teatro, Xoán Curiel, co seu traballo “Ecuacións”, e Sonia Lebedynski, cun traballo na liña “New Age” cheo de delicadeza.

Coros e Grupos Vocais: Sisters in the House, Ejazz i Encaixe completan a última categoría puramente musical da cuarta edición dos Martín Códax deste ano.

Restan por repasar os últimos 4 apartados, os que non responden á creación musical recente, senón ó impulso, difusión e achegamento da música ó grande público:

Salas: Este ano A Coruña acapara a categoría de salas con xa clásicas coma Sala Garufa ou Mardi Grass, e algunhas mais recentes coma A Pousada das Ánimas de Boiro. Demostraron grande desempeño no último ano, sempre con atractivos concertos e actividades artísticas de toda índole.

Festivais: Variados e potentes, este ano nos representan o Surfing the Lérez de Pontevedra, o Festival de Pardiñas e NigranJazz, que aposta por un estilo cada vez menos minoritario e no que destacan unha boa morea de artistas en Galicia a nivel internacional.

Medios de comunicación: Un galardón para os medios de difusión que empregan o galego e se centran nos nosos na súa programación diaria. Este ano os nomeados son os programas da TVG Onda Vital e Zig Zag, xunta o Magazine en galego GZmúsica.

O Premio Honorífico de este ano xa está decidido: Non haberá dúbidas este ano coa elección do xurado. O premio caerá do lado de Dorothé Schubert. Unha muller que viu hai 40 anos de vacacións a Galicia, namorouse da nosa cultura popular e decidiu parar anos recopilando e grabando toda a información da música popular nas vilas de Galicia. O seu traballo segue a servir de referencia para infinidade de músicos que recollen e actualizan o noso cancioneiro e consideran o traballo de Dorothé a biblia da documentación popular en Galicia.
Este galardón servirá como agradecemento a unha muller namorada da nosa cultura, que co seu rexistro escrito e sonoro, deu valor e corpo ó noso legado musical.

Estes son os finalistas. Dende Regalamúsica queremos desexar sorte a todos os participantes e, por riba de todo, que estes nomeamentos sirvan para se dar a coñecer a un público maior e levar ó seu arte o mais lonxe posible. Os resultados daranse a coñecer o día 3 de maio. Que gañe o mellor!!

WordPress Video Lightbox



Para suscribirte a nuestra lista de correo debes aceptar la política de privacidad de regalamusica.es

Puedes eliminar tu suscripción en cualquier momento a través del link que incluimos en el pie de nuestros emails.